Etiquetas

domingo, 27 de mayo de 2012

Asociacion Cultural Vista Alegre da Bandeira presenta a súa Semana Cultural do 2012


 A Bandeira ten unha moi interesante Semana Cultural, organizada no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira e que conta no seu  programa con:

MARTES 5 DE XUÑO

20´00 h.: Inauguración da Semana Cultural e presentación da exposición “AS BASES DA BANDA” (Exposición sobre Banda deseñada cedida pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia)
20´30 h.: Representación Teatral: “Teatro da Falúa” (Santiago)
Obra: "Falúa's Flying Circus" (gañadora do premio ao mellor espectáculo na mostra de Teatro Universitario)

MÉRCORES 6 DE XUÑO

17´00 h.: Presentación do poemario sol rebulideiro, do escritor estradense Xosé Luna
18´30 h.: Demostración de Xogos Infantís “a casa dos xogos” a cargo de Cedric Bouchard

XOVES 7 DE XUÑO

19´00 h.: Conferencia: “Prevención de riscos nas redes sociais”
Impartida por un técnico da Garda Civil de Pontevedra
        20´00 h.: Entrega de distinción ó lector máis ávido da Biblioteca 2011

VENRES 8 DE XUÑO

20´30 h.: Acto de Clausura da Semana Cultural
Charla Didáctica: “Arredores da Bandeira, unha transición xeográfica suave” por Afonso Leal (Xeógrafo)
Mostra de Traxes Rexionais (Grupo Xirandola).
        Actuación dos Gaiteiros e pandereteiras de Xirandola
Peche da Semana Cultural por D. Valentín García Gómez (Secretario Xeral de Política Lingüística)
Remate dos actos con pinchos e música da nosa terra.

O Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira

     


Xa falta so unha semana para os Encontros de Música Tradicional no Mosteiro de Carboeiro!!!

Á Asociación Intercultural Santa Ferreña non lle pon medo o número 13. Este ano, como cada
primeiro sábado de xuño, terán lugar na contorna de Carboeiro os XIII Encontros de Música
Tradicional. Contra a superstición, foliada, tradición e festa “ata que o corpo aghuante”.
O sábado 2 de xuño, nos arredores do mosteiro de Carboeiro (Silleda), a Asociación Cultural Santa Ferreña celebra os XIII Encontros de Música Tradicional. Unha cita clave que xa leva unha longa tradición para artesás, bailadores, músicos, teatreiras, ou calquera que queira gozar dunha festa “coma as de toda a vida”.
A Santa Ferreña non é supersticiosa, e os XIII Encontros prometen: coa súa pandeireta na man e o sorriso imperecedoiro, esta santa pagá escorrenta todas as meigas, dende o comezo da festa, por volta das 13.00, “ata que o corpo aghuante”. A sesión vermú estará amenizada por músicos da bisbarra, e por todos aqueles que queiran botar unhas pezas, xa que esta festa caracterízase porque a fronteira que separa “público” e “artistas” desaparece:
todo o mundo participa, sexa tocando, cantando, bailando, ou pasándoo ben. O que pasa en Carboeiro é posible grazas á colaboración desinteresada de todas aquelas persoas que queren manter vivas a festa e a cultura tradicional.
Será tamén desta hora cando saia en procesión a Santa Ferreña, acompañada polos cabezudos de Viravolta. Segue así un costume da festividade do Corpus en Santiso e Laro, cando as procesións eran acompañadas polos “papamoscas” (xigantes coa mandíbula solta). Antes, terá lugar a poxa das andas: unha tradición pola que os máis devotos e devotas poxarán polo seu posto para carrexar a santa do campo da festa ata o mosteiro. Neste momento tamén quedará aberta ao público a exposición “Na punta do pé”, de calzado tradicional, realizada co asesoramento da casa do zoqueiro de Merza (Alfonso e Helena Ferro, pai e filla pertencentes a unha estirpe de artesáns do calzado) e mais Luís Prego (investigador de patrimonio inmaterial). E logo desta procesión, dará comezo o xantar popular, con empanada, carne ao caldeiro e larpeira de sobremesa, amais de pan, viño ou auga e café “con ghotas”. O prezo, acorde tamén con esa vontade de rirse da superstición (e da crise!), será de 13 euros.
Ao tempo haberá tamén, xa dende primeira hora, unha feira de artesanía (con produtos coma instrumentos tradicionais, coiro, prata, xoias, abelorios, ou cosmética natural). Xa na sobremesa, para baixar o xantar podemos botar unhas bailas, ou gozar dos xogos tradicionais para cativos e non tan cativos, da man de Xandobela e Itaca , de Compostela. Como é costume, poderase escoitar tamén a contada de Celsiño Fernández Sanmartín, “Lingua que baila”. Este conta contos leva anos investigando, recollendo, e sobre todo, compartindo e gozando as historias.
Non han faltar visitas guiadas ao mosteiro, con Tesouros Novos. Ademais, quen teña gana de coñecer máis de preto o mundo do calzado tradicional pode achegarse ás conversas que terán lugar na sala de exposicións, onde as zocas, os zocos e os zapatos de festa estarán ben acompañados polos títeres do Museo da Marioneta-Casa do Títere de Lalín. Poderemos ver na sala unha mostra representativa “de cando os zapatos se gardaban coma ouro en pano”, contan dende a Asociación Cultural Santa Ferreña. “Quen tiña para comprar zapatos, que non era todo o mundo, tiña un único par para usar no día de festa, e había que coidalo moito, que non lle pasase nada”. Mesmo había quen pintaba os zocos, cun tizón e con graxa, para que parecesen zapatos, e en todas as casas remendábanse
ata máis non poder.
Ao que se vaia facendo noite, seguirán soando gaitas e ferreñas, os pés (con calzado ou sen el) seguirán bailando e as voces seguirán cantando... Ata a xa tradicional “procesión de pola mañá”, á que só chegan uns poucos valentes que volven honrar a Santa Ferreña cando raia o novo día. Sen medo ningún do 13, a Santa Ferreña proclama un ano máis “Viva a xuventude! (e a xente vella, que non morra)”.

O prazo para participar no campamento de verán abrirase o vindeiro luns día 28


O vindeiro luns día 28  de maio abrirase o prazo de inscrición no campamento de verán, dirixidos a alumnos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. O horario será, de luns a venres, de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O campamento iniciarase o 22 de xuño e rematará o día 7 de setembro.

Imaxe do CEIP de Silleda
Segundo explica o concelleiro de Educación, Matías Rodríguez da Torre, o campamento incluirá diversas actividades lúdico educativas. Así, ademais de sesións de reforzo dos contidos escolares, a oferta inclúe manualidades, xogos en inglés, xincanas, actividades multideporte, xogos temáticos, piscina, animación á lectura, xogos populares, sesións de ciencia divertida, de cociña e tamén pequenas saídas.
As actividades terán a súa base no pavillón do CEIP de Silleda. Nas instalacións do CEIP da Bandeira tamén se ofertará o campamento de verán, que se celebrará sempre que exista un grupo mínimo de 15 menores participantes. No caso de non xuntarse, os nenos/as anotados poderán asistir ás instalacións de Silleda.
As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Para poder participar é preciso cubrir unha folla que estará a dispocición dos usuarios nos citados colexios públicos e tamén no Concello de Silleda, e despois entregala no rexistro municipal.  




III edición de Música a Fartar o 23 de Xuño na Bandeira

Por terceiro ano consecutivo a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira organiza o certame "Música a Fartar" cun programa moi completo:

13:00 horas, pasarrúas a cargo das seccións infantil, xuvenil e de veteranos da propia banda bandeirense.
14:00 horas, actuacións da Banda de Veteranos da Bandeira, Banda Xuvenil da Bandeira e dos grupos de baile da vila trasdezá: Fortín da Pomba e Xirandola.

Xantar popular para os asistentes por 12€ (cómpre reservar chamando 617 736 473)

Pola tarde, concurso "Ti si que soplas" con: O quinteto Brass Bandeira; Hemiolía Band; Pifiada Brass; Pepeluis Percusión; o coro Vales Mahía; o grupo La Vida Loca; o0 grupo Banda de A  Bandeira; o grupo Banda de Merza; Oompa Loompa; Big Bandeira; Merza Brass e  por último, a Magnifique Band dos Homes sen Medo.

Xa cara a medianoite haberá unha grande queimada amenizada polo grupo Caribe Azul.

Imaxe da Carballeira de Silva lugar de celebración do festexo musical 

Durante toda esta xeira festiva sortearanse duas ceas para 2 persoas na Casa da Capilla (Gres)

sábado, 26 de mayo de 2012

A Concellaría de Educación organiza un roteiro histórico polo noso concello cos alumnos do Ciclo de Actividades Fisico-Deportivas no Medio Natural para os alumnos do IES Pintor Colmeiro

Tivo lugar o pasado venres 25 de Maio e contou coa participación de persoal da Concellaría de Eduación e de alumnos e profesores do Ciclo de Actividades Fisico-Deportivas no Medio Natural. O obxectivo era o coñecemento histórico do noso concello percorrendo varias elementos senlleiros de cada época.



Imaxe do percorrido histórico


viernes, 25 de mayo de 2012

Semana Cultural en Laro

A Asociación de Amigos da Tortilla de Laro, en colaboración coa Concellaría de Cultura vai levar a ca bo:

26 de Maio a partir das 16:00 horas día adicado aos nenos con xogos e a proxección do filme galego de animación: O soño dunha noite de San Xoán.

27 de Maio a partir das 17:00 horas xogos populares para vellos e novos.

30 de Maio (a partir das 21: 00 horas) e 31 de Maio todo o día, exposción de fotos antigas dos nosos veciños e cadros antigos da Romaría da Tortilla.

2 de Xuño xantar popular e posterior festa amenizada cun dúo.


Integrantes da Asociación de Amigos da Tortilla co Concelleiro de Cultura na presentación da Semana Cultural. 


Vindeiras reunións de Participación Cidadá

Serán en Siador (o martes 29 de Maio) e en Fiestras (o mércores 30) ambas ás 22:00 horas.

miércoles, 23 de mayo de 2012

Ruada nos Lavadoiros de Parada

A asociación de veciños de Parada organiza unha ruada popular, aberta a cantos queiran participar. Será o domingo 27 ás 5 da tarde, e comezará no lavadoiro do lugar de Barro.


domingo, 20 de mayo de 2012

Presentación dos Encontros de Música Tradicional no Mosteiro de Carboeiro

O sábado ao mediodía tivo lugar na Bandeira a presentación da nova edición dos Encontros de Música Tradicional no Mosteiro de Carboeiro, e xa van XIII. Desta volta, levarase a cabo o dçia 2 de Xuño no noso cenobio románico e  o programa, presentado conxuntamente por membros da entidade organizadora,  a Asociación Intercultural Santa Ferreña e o concelleiro de Cultura, Matías R. da Torre contén:

-Procesión pagá de Santa Ferreña rodeada de cabezudos (recuperando certas tradicións de procesión local)

-A exposición "Na punta do pé" , unha mostra de calzado tradicional composta de pezas antigas de zocos e do traballo cos mesmos, completada con fotos antigas e unha pequena achega de marionetas a cargo de "Viravolta". 

-Xantar popular a base de carne ao caldeiro, empanada, lapeirada, pan, bebida e café (con gotas), todo por 13€  (a reserva de tickets pode facerse por correo electrónico, enviándoa a santaferrenha@gmail.com, ou no teléfono 658628239). 

-A tarde estará amenizada polos grupos de animadores Itaca e Xandobela que farán xogos populares para cativos e menos cativos.

-Tamén teremos o grande contacontos  lalinense "Celsiño", co seu espectáculo "Lingua que baila".

-Do mesmo xeito, teremos a aportunidade de facermos unha visita guiada pola meirande xoia do románico oxival en Galiza,  a cargo dos profesionais "Tesouros Novos". 

-Toda a xornada contará tamén coa participación de grupos de música tradicional chegados de todo o país. 



A foliada dos décimo aniversario de Pau de Buxo en Saídres!

E así foi a xolda para celebrar esta primeira década de música en Saídres



A cripta do Mosteiro de Carboeiro escenario dun filme sobre María Soliña

O noso Mosteiro de Carboeiro virou de novo nun plató de cine, desta volta cunha longametraxe sobre o asasinato da galega María Soliña a mans da Igrexa Católica na Idade Media. Neste caso a cripta do mosteiro, caracterizada polas súas bóvedas de arista, servíu de escenario para o tribunal. A película xa ten o seu trailes:


http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=lhhZZpA5LL

sábado, 19 de mayo de 2012

Clausura do Curso de especialidade Musical da Escola Municipal de Música

Tivo lugar o pasado sábado 19 na Casa da Cultura de Silleda, onde se entregaron os diplomas aos 85 participantes. A xornada pechouse cun concertto dos estudantes que este ano abandonaban a escola e polo Quinteto Atlantis.

"A granxa de Alexandre" gaña o premio ao mellor Videoghit 2012

O premio ao mellor Videoghit (organizado no IES Pintor Colmeiro, dentro dos actos das Letras Galegas) foi, desta volta para "A granxa de Alexandre" de Pedro Gil.
Na gala, celebrada o venres 18 de Maio na Casa da Cultura de Silleda, entregáronse tamén os diplomas aos alumnos que remataban 2º de Bacharelato, entre actuacións musicais e discuros nostálxicos.
No vídeo adido, a seguir, teremos un fantástico resumo da celebración.

http://www.youtube.com/watch?v=MFFCwWX8RBU

jueves, 17 de mayo de 2012

Literatura na Ruta da Auga. Unha achega ás nosas letras feita polos veciños de Parada

Moi fermosa a inciativa dos veciños de Parada para celebrar o día das nosas letras: poñer poemas, relatos, comics e mesmo o texto en galego máis antigo que se conserva (do 1230) dispostos  ao longo da súa Ruta da Auga deica o final de maio, inzando lavadoiros e fontes de mostras da literatura feita na nosa lingua. Parabéns!






As dúas lecturas do manifesto "Vitaminas para o galego" fan de Silleda un referente na defensa da nosa lingua na Comarca do Deza

Onte tiveron lugar dúas lecturas dos manifesto "Vitaminas para o galego":

-Unha a mediodía no IES Pintor Colmeiro a cargo das alumnas e alumnos de 1º da ESO


-Outra ás 17:00 horas feita polo artesán silledense Xosé Villar diante da Casa do Concello.


miércoles, 16 de mayo de 2012

Silleda participa, a través da Concellaría de Cultura, na iniciativa Vitaminas 17 coa lectura do seu manifesto no IES Pintor Colmeiro e diante do Concello de Silleda


Silleda, 12 de maio de 2012. Vitaminas 17 é unha iniciativa dos medios de comunicación que se deu a coñecer en decembro do pasado ano coa campañaVitaminas para o galego, pola necesidade de prestixiar o idioma e garantir a súa transmisión interxeneracional., que se conmemora o día das Letras Galegas.

            Nesta iniciativa, contémplase a a lectura simultánea do manifesto deste movemento en 17 centros de ensino de Galicia, un deles, o IES Pintor Colmeiro de Silleda.

            Ás 12.00 horas, alumnos  de 1º da Eso do instituto público trasdezao, procederán a ler o manifesto, ao mesmo tempo que o farán noutros 16 centros de todo Galicia. Estas lecturas que serán gravadas en vídeo colgaranse posteriormente na páxina de www.vitaminasparaogalego.gl.


            Asemade, ás 17.00 horas procederase a ler o mesmo manifesto diante da porta do Concello de Silleda, do que se encargará o artesán local José Villar. Ao tempo, segundo o programa, outras 16 personalidades destacadas doutras localidades lerán o mesmo manifesto diante das casas consistoriais do seu municipio. Estas intervencións tamén serán gravadas en vídeo e colgadas na devandita páxina web.

            Esta actividade está organizada dende a Concellaría de Cultura e Participación Cidadá que dirixe Matías R. da Torre.

            Dentro da programación de Vitaminas para o galego tamén se contempla a lectura do manifesto en 17 cidades distintas dos 5 continentes, durante a primeira quincena do mes de maio.


martes, 15 de mayo de 2012

Silleda celebra a semana das letras galegas coas actividades Mercapoemas – Comercio en Galego e Ceibar poemas pormovidas pola Concellaría de Cultura


MercapoemasComercio en Galego e Ceibar Poemas son dúas actividades enmarcadas na programación da semana do día das Legras Galegas que organiza a Concellaría de Cultura e Participación Cidadá que dirixe Matías R. da Torre.

            Mercapoemas, que leva o lema Comercio en Galego foi unha proposta da plataforma Queremos Galego, e realizarase coa colaboración da asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda e a devandita concellaría. Consiste na colocación de poemas nos escaparates das tendas de membros de ECOS, para que os que pasen xunto a eles poidan gozar deste xénero. Os versos serán poemas de Valentín Paz Andade, Celso Emilio Ferreiro,xa que en agosto cúmprese un século dende o seu nacemento ou versos destacados da nosa lingua.

            Esta actividade levarase a cabo o día 15 de maio, e rematará o 19.

            Tamén este día 15, os viandantes que transiten polo casco urbano de Silleda ou por Bandeira atoparán, en diferentes puntos, sobres con poemas en galego. Estes poderán estar por  calquera lugar público para que, quen atope algún, poida lelo e logo ou ben volvelo deixar onde estaba para que outra persoa poida gozar da obra, ou deixalo noutro lugar, ou ben gardalo.


            Dende a Concellaría de Cultura perséguese o obxectivo de achegar a literatura galega á vida cotiá das persoas, e que os silledenses poidan gozar dos poemas de grandes autores de Galicia.