Etiquetas

miércoles, 27 de junio de 2012

Segunda reunión do Consello da Cultura

O Consello Municipal da Cultura, que agrupa a todas as institucións culturais do concello, así coma ao concelleiro Matías R. da Torre, reunirase o vindeiro venres 29 de Xuño ás  20:30 na Casa da Cultura de Silleda.

viernes, 22 de junio de 2012

Presentación do poemario "De nuevo en el camino"

A escritora orixinaria do Castro, María José Montero, presentou hoxe  na Biblioteca Municipal Daniel Castelao o seu poemario "De nuevo en el camino". Este acto foi amenizado pola acordeonista de Breixa, Rocío Mosquera.


jueves, 21 de junio de 2012

Reunión do Consello Municipal da Educación para artellar o vindeiro curso

Hoxe pola tarde tivo lugar, na Casa da Cultura de Silleda, unha reunión do Consello Municipal da Educación para artellar o vindeiro curso. O Consello Municipal da Educación está integrado por representantes das entidades educativas do centro e máis das ANPAs Brincadeira e Pícaros, así coma polo concelleiro de Educación, Matías R. da Torre.


martes, 19 de junio de 2012

Festa e literatura en Saídres

A parroquia de Saídres acollerá o vindeiro sábado 23 de Xuño, canda a súa tradicional festa patronal na honra de San Xoán, a presentación da obra "Historia de Saídres" de Manuel Fernández Rey, natural da mesma parroquia.
O acto terá lugar no campo da festa de Saídres ás 19:30 horas.


A Romería do Rapaz recupera a súa esencia inicial co protagonismo dos nenos e nenas e obradoiros más activos e didácticos


A Romería do Rapaz voltará o vindeiro domingo día 24 a Siador co obxectivo de recuperar a súa esencia inicial. Así o afirmou hoxe o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre durante a presentación da 24 edición da festa, todo un referente para moitas xeracións de silledenses. O programa contará así con máis obradoiros simultáneos que nos últimos anos, “buscando actividades menos pasivas para os nenos, auténticos protagonistas, e tamén cunha visión máis educativa”, matizou o concelleiro que debullou o amplo programa de actividades que se celebrarán ao longo de toda a xornada.
Ademais dun obradoiro de títeres, con membros da compañía Viravolta, haberá outro de xoguetes con materia de refugallo, outro de artes plásticas (con Jorge Conde e Fernando Rodríguez), e tamén como novidade un onde os membros da Asociación de Veciños A Costa ensinará a facer as afamadas rosquillas de Abades. Tamén se estrea outro titulado Divertímonos co Bosque, do colectivo de Educación Ambiental e non faltarán outros clásicos coma o obradoiro de maquillaxe, de chapas, cestería e sombreiros de palla (con Manuel Liñares e Carmen Recimil), de cousas da-da con Adriana Rey, ou o de coiro, con José Villar. Neles participarán tamén alumnos do curso de monitor de tempo libre celebrado recentemente en Silleda.
Matías Rodríguez destacou tamén a colaboración da Anpa Brincadeira de Bandeira e Pícaros do CEIP de Silleda, ou do IES Pintor Colmeiro, que realizarán un Lip dub, buscando implicar á comunidade educativa. Así estará tamén presente a Escola de Música Municipal, cunha Entrada Real prevista para as 19.00 horas. No recinto de Siador tampouco faltarán espectáculos de títeres, un obradoiro de circo con Ghazafellos, os gaiteiros da Pereiriña, a actuación de Kote Malabar, a casa dos xogos, con Cedric Bouchard, unha ludoteca itinerante, e por suposto xogos hinchables, multiaventura, deporte, coa exhibición da escola municipal de kung fu, ou os tiralatas e campionato de pano en familia.
O tradicional desfile no que parcipan a comunidade do CEIP de Silleda e nenos e nenas do Cascarón adicarase este ano a pesonaxes de conto.
O espectáculo fin de festa, ás 20.30 horas, correrá a cargo de Pablo Díaz, con Tic-Tac, unha montaxe musical.
Semana de preparación e promoción na comarca
Matías Rodríguez estivo acompañado por dous dos coordinadores que levan tempo traballando no programa, Chus Caramés (de Xandobela) e Anxo García Basterra, e Viravolta, que xa ao longo desta semana traballan cun grupo de nenos e nenas na preparación do recinto e na confección dun cabeduzo (o paiado da Romaría).
Chus Caramés explicou que se busca que os nenos sexan os propios organizadores traballando a educación en valores como a reciclaxe ou o coidado do medio. Pola súa banda, Anxo García destacou a implicación “de todo Silleda” nesta celebración que calificou de a “envexa dos que traballamos para o público infantil”.
Así mesmo, e dado que a romaría, plenamente consolidada, traspasou xa as fronteiras de Silleda, a celebración promocionarase estes días nos colexios de municipios limítrofes (Merza, Piloño, Vilatuxe, Prado, Oca, O Foxo, Forcarei…). Datorre agradeceu tamén a participación de empresas colaboradoras e da comunidade dos Pais Saletinos de Siador. 

Chus Caramés, Anxo García e Matías R. da Torre cunha chea de nenos durante a presentación na Saleta

miércoles, 13 de junio de 2012

Silleda será o punto de arranque das xornada de Aega para dar a coñecer á cidadanía o valor da arqueoloxía e o patrimonio

O municipio de Silleda será o punto de arranque en Galicia das xornadas Novidades da Arqueoloxía Galega, organizadas pola Asociación de Empresas Galegas de Arqueoloxía (Aega) para informar do significado real da arqueología e o patrimonio. A cita trasdezá, coa que colabora a Concellaría de Cultura, comezará o venres ás 20.30 horas na biblioteca pública municipal Daniel Castelao, onde haberá varias disertacións sobre o patrimonio, con intervencións abertas ao público en xeral. O arqueólogo silledense Israel Picón Platas, que hoxe presentou as xornadas xunto co concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez, abre a sesión falndo do patrimonio arqueológico do concello de Silleda, municipio que atesoura máis de 100 xacementos, entre eles uns 24 castros. Continuará os relatorios Sara Rodríguez Souto, falando das descubertas recentes en Galicia na última década e pechará Juan Carlos Castro Carrera, coa conferencia titulada O patrimonio en tempos de crise, con cuestións máis candentes e conflictivas nas que disertará sobre a arqueología de xestión fronte á de investigación, entre outros asuntos.
A cita silledense continuará o sábado día 16 cunha visita didáctica aos Castros de Toiriz (ás 11.00 horas), guiada por membros do colectivo organizador. O arqueológo Israel Picón explicou hoxe  durante a presentación que se agarda a presenza de arqueólogos e profesionais da xesión do patrimonio, e eloxiou a aposta realizada no municipio por poñer en valor nos últimos anos xacementos coma o Castro de Toiriz ou a Copa do Castro, agradecendo a iniciativa das asociacións que o promoveron.
Pola súa banda, o concelleiro Matías Rodríguez incidiu na visión clarexadora das xornadas, de interese para o público en xeral, os interesados no patrimonio cultural e mesmo para aqueles que sospeiten da existencia de xacementos nas súas propiedades “para saber cómo actuar, como limpar ou garantir a súa accesibilidade”, engadiu. Ademais da relación afectiva con Silleda, ao ser Israel Picón natural de Refoxos, outro dos motivos de iniciar as xornadas en Silleda débese, segundo explicou o arqueólogo, á centrica situación da localidade ou ao “extenso traballo realizado no ano 86 polo arqueólogo silledense Xulio Carballo”.
A segunda cita será no concello coruñés de Boiro, no centro arqueológico de Neixón e dende Aega tamén se está a negociar cos municipios de Celanova (Ourense) e Meira (Lugo), para continuar con estas xornadas.



viernes, 1 de junio de 2012

Por un Sahara Libre! Xornada sobre o conflicto do Sahara Occidental o 9 de Xuño

O sábado 9 de Xuño terá lugar unha xornada informativa sobre o Conflicto do Sahara Occidental  na Biblioteca Pública Daniel Castelao (na Casa da Cultura de Silleda) .

A presentación das xornadas tivo lugar o venres 1 de Xuño na Biblioteca  Municipal, e contou coa presenza de Matías R. da Torre, concelleiro de Cultura e Cidadanía  que salientou a importancia de dar a coñecer "a situación na que está a nación saharaui, así como a ideosincrasia cultural e a identidade nacional deste pobo".

Pola súa banda Pablo Romeo sfixo fincapé na situación social da antiga colonia española " que ve entre a ocupación (onde se están a producir flagrantes violacións dos dereitos humanos) a división (por un longuísimo muro que os separa) e o exili,  nos campos de refuxiados"  e que " os rapaces que veñen a pasar o verán con familias galegas, veñen poque hai un conflicto no seu país, conflico do que o Estado español ten unha fonda responsabilidade histórica" . Tamén estivo presente Beatriz Vidal Sánchez, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel de Escuadro, que recentemente organizou unha cea a prol do pobo saharaui.

A xornada do Sçabado 9 de Xuño comezará ás 18:00 horas coa proxección do documental "Un grito en el Sahara",seguido dunha mesa redonda, xa ás 19:00 horas, que leva por título "Entre a ocupación e o exilio" e na que participarán:
Maite Isla (Presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí)
Ahmedu Mojtar (Delegado da Fronte Polisario na Galiza)
Matías R. da Torre (Concelleiro de Cultura e Cidadanía en Silleda)
Pablo Romeo (Responsable local da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahuí)

Cara as 20:30 proxectarese o documental "Gdeim Izik" sobre o movemento de rexeitamento á ocupación e a prol da dignidade do pobo saharauí que tivo lugar nas aforas de El Aaiun  no 2010, e que é considerado o detonante da chamada "Primavera Árabe".

Rematarase cun coloquio para as 21:15 horas.



Aspecto da presentación na Biblioteca Daniel Castelao de Silleda


Cartaz das actividades