Etiquetas

lunes, 27 de agosto de 2012

CONCERTO DE SOMOS III NA PRAZA DA FEIRA VELLA DE SILLEDA, XOVES 30 ÁS 10 DA NOITE

Logo do concerto de Chimango organizado pola Concellaría de Cultura e Turismo o pasado 8 de agosto e da boa acollida que tivo entre os silledenses, uns hostaleiros da vila dirixíronse a min coa idea de organizaren outro concerto e dinamizar as noites de verán na vila.
É polo que se respalda e colabora esta iniciativa de dous negocios hostaleiros locais, Restaurante Ricardo e Café Bar Pukará, ambos os dous situados ao pé da Praza da Feira Vella, para que o vindeiro xoves, 30 de agosto a partir das 10 da noite na devandita praza, teña lugar un concerto do grupo de Silleda, SOMOS III, integrado por Daniel Talquenca (guitarra) Paco Montoto (teclados e programación musical) e Carlos Montoto (voz), os cales interpretan fundamentalmente un repaso polo repertorio do pop-rock das décadas dos 80 e 90 no Estado español.
Esta interesante iniciativa pretende ser unha proba para experimentar se estas iniciativas teñen boa acollida do público, e conduzan a que, sobre todo, no verán vindeiro se poida pechar unha programación estival entre semana conxunta entre a hostalaría local e a Concellaría, nos núcleos urbanos de Trasdeza, Silleda e A Bandeira, que dinamice a actividade lúdica das vilas nas diversas rúas e prazas e sexa tamén un reclamo para os visitantes e turistas.

sábado, 18 de agosto de 2012

‘aCadaCanto’, chega ao Mosteiro de Carboeiro o vindeiro venres día 31 de agosto




O mosteiro de Carboeiro será o escenario dun novo concerto. A cita, o vindeiro venres día 31 de agosto será esta vez con aCadaCanto, o quinto traballo discográfico do selo Músicas de Salitre. Artistas coñecidos como Guadi Galego, Guillerme Fernández, Xavier Díaz e Xosé Lois Romero son os artífices do traballo resultante deste xuntoiro de artistas con traxectorias independentes. Aínda que xa teñen coincidido en moitas ocasións, esta é a primeira vez que os catro participan de forma conxunta. O disco foi publicado a mediados do pasado mes de maio.
A cita en Carboeiro será ás 21.30 horas, e as entradas terán un prezo de 10 euros en venda anticipada e de 12 euros na billeteira. A venda anticipada farase na Casa da Cultura de Silleda (986 581028; info@turismosilleda.es) o na mesma tarde no mosteiro.
A cita, programada dende a Concellaría de Cultura e Turismo, que dirixe Matías Rodríguez da Torre, vén sumarse á oferta cultural de verán.” Pese ás dificultades económicas, dende a Concellaría de Cultura e Turismo buscamos que poida haber durante o verán actividades culturais de grande calidade, polo que aínda haberá algunha cita máis antes que remate a tempada estival”, engade o concelleiro.
(Nota: o concerto será presentado a vindeira semana polos propios artistas en Silleda)



miércoles, 15 de agosto de 2012

O Bandeirock será o 16 de Agosto

O 16 de Agosto teremos unha nova edición do Bandeirock. Desta volta, a partir das 22;30 teremos a oportunidade de ver a Barrio Rojo, Tu mujer nos engaña, malucos e malandros e máis unha banda sorpresa.



As actuacións terán lugar na rúa Camilo José Cela, en caso de que chova irase ao pavillón da Bandeira. 

O Esmorga Folk será o 17 de Agosto na Bandeira

...e coma sempre será na vila de A Bandeira. Desta volta virán:


-Tanto nos ten (de Redondela)
-Zurrumalla (de Vigo)
-Os Carapaus ( de Compostela)
-Os Cuchufellos (de Manzaneda)

As actuacións terán lugar desde as 22.30 horas



martes, 7 de agosto de 2012

Bases para as subvencións en Cultura e Deporte

Poderán optar a estas subvencións as asociacións culturais e asociacións veciñais, educativas ou outras entidades sociais que presten servizos ou organicen actividades sen fin de lucro do tipo (organización de actividades que fomenten a cultura, a educación, o turismo ou a participación cidadá como cursos e obradoiros, celebracións tradicionais, viaxes, certames, etc.) e para gastos en infraestruturas e equipamento cultural.

Este ano como novidade pódense recoller no Rexistro do Concello todos os modelos precisos para presentar, e mesmo descargalos desde o sitio web www.silleda.es


As bases están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do luns 6 de Agosto , a partires da páxina 64. 



domingo, 5 de agosto de 2012

Chimango Comando rumbero, presenta en Silleda o seu disco "Donde el diablo perdió el Poncho", o mercores 8 Agosto na Praza da Feira Vella as 10 da noite.

Chimango presenta "Donde el diablo perdió el poncho", en tour galego, ao que se sumou Silleda (8 de Agosto en Praza do Feira vella). A concellaria de Cultura e Participacion Cidada decidiru engrosar a programación estival con esta proposta actual de música mestiza adubiada co sabor tropical de O Drakesito, os mellores mojitos cubanos de Galicia.
En formato trío baixo o apelativo de Comando rumbero, presentarán unha música avalada por figuras como Manu ChaoTonino CarotoneAnouk  Chauvet (Fufu-ai), quen colaboran neste novo disco do arxentino  afincado en Barcelona, Pablo Pascuale



A Xunta de Goberno Local acordou iniciar o procedemento para a adxudicación do programa lúdico educativo fóra do horario lectivo


A Xunta de Goberno Local de Silleda acordou hoxe, entre outros asuntos, iniciar o procedemento para contratar o servizo do programa lúdico-educativo de apertura de centros escolares públicos fóra do horario lectivo. Farase, ao igual que o ano pasado por procedemento negociado con publicidade.
Este servizo está dirixido a nenos/as de entre 3 e 12 anos, con actividades nos centros escolares fora do horario lectivo, e tamén durante as vacacións.
O procedemento está aberto a todas aquelas empresas interesadas e que cumpran cos requisitos lúdico educativos que esixen as bases. Os pregos, coas condicións tanto técnicas como administrativas, xa se poden consultar na web municipal, no apartado Perfil do Contratante (sección servizos).
As empresas que queiran concorrer dispoñen dun prazo de 15 días naturais, contados a partir de mañá día 4. O prezo polo que se licita o servizo é o mesmo ca o do ano pasado: 80.000 euros.
Na adxucación, teranse en conta unha serie de criterios obxectivos e tamén subxectivos. En canto aos obxectivos, atenderase ao prezo ofertado, facendo fincanpé en que as empresas deben de presentar unha distribución salarial dos traballadores. Esta cuestión puntuarase con 4 puntos.
Tamén se terá en conta o número de monitores. Así valorarase en 0,5 puntos, e ata un máximo de 1,5 (máximo 3 puntos) cada monitor que propoñan as empresas a maiores. No prego esíxense contar con persoal técnico axeitado para o desenvolvemento da actividade de cara a atender 90 nenos e nenas. Entre os persoal que se pide figura: unha persoa con titulación de Mestre, diplomada en Educación Infantil ou Primaria; 4 monitores de Tempo Libre ou equivalente, un licenciado en Psicoloxía, Psicopedagoxía, ou Pedagoxía na especiacidade escolar; un titulado/a en Educación Social; e unha persoa para servizos con carné de manipulador de alimentos. Debe respetarse unha ratio mínima de 1 coidador/a por cada 12 nenos/as. Así mesmo, debe nomarse por parte da empresa un director/a ou coordinador/a para toda a actividade.
O concelleiro de Educación, Matías Rodríguez da Torre, explica que “básicamente o que se fixo foi simplificar os criterios obxectivos, de feito, cos criterios citados anteriormente, tamén se busca que poidan concorrer empresas que aínda que non teñan experiencia no servizo, sí conten cunha programación lúdica e educativa”, engade.
Así, nos criterios subxectivos, terase en conta o programa educativo que se presente, valorando sobre todo a súa multidisciplinariedade. Este será o criterio que máis puntue, con 5 puntos.
Da Torre tamén explica que como novidade este ano se encargará un informe sobre o programa lúdico a un membro do recén creado Consello Municipal de Educación. “Será un especialista na sección de idade á que se dirixe o servizo, contando contando co seu asesoramento á hora de valorar os programas”, engade o concelleiro.